O pasado martes as crianzas do noso concello recibiron ao Apalpador e ao resto de personaxes que encheron o escenario de títeres: Martino, Andrés, o morcego torpón, un monstro monstruoso, un cocho-vehículo… As risas e aplausos encheron o local social de Veiga nunha tarde que se fixo do máis entretida.
E ti, tamén te achegaches ao noso concello para ver pasar aos ciclistas na etapa máis longa da competición? Foi todo un espectáculo velos pasar e tamén a todos os seus vehículos de equipo, persoal organizador, seguridade… Aquí vos deixamos algunha imaxe e vídeo que tomamos nese día.
A Volta Ciclista a España chegará ao Alto do Furriolo, ubicado no noso concello, este xoves día 5 de novembro durante a súa etapa número 15 «Mos-Puebla de Sanabria» na que recorrerán un total de 230,8 km. sendo a etapa máis longa da edición deste ano. Estímase a chegada a este punto do noso municipio ao mediodía, pasados uns minutos das 13h. estimando unha velocidade media dos ciclistas ao longo do percorrido entre 34 e 38 km/h.
Para consultar todos os detalles ao respecto desta etapa, podedes consultar a páxina oficial da Volta Ciclista a España premendo AQUÍ.
O vindeiro martes día 10 de novembro ás 16:30h. no Local Social de Veiga (baixo concello) presentarase a actividade lúdica para toda a familia «As aventuras do Apalpador».
E sabedes quen é o Apalpador? Pois un pastor mangallón e bo, de mirada doce e longas barbas coloradas que, co seu abrigo cheo de remendos e a grandes zancadas, percorre Galicia enteira. Durante o ano fabrica carbón, vive dos froitos silvestres, caza xabarís, recolle mel e fai aparecer, coas pólas dos bosques e fragas, os xoguetes que as madeiras agochan. O 31 de decembro baixa aos pobos, visita aos nenos e nenas casa por casa e déixalles como obsequio castañas quentes e divertidos agasallos de madeira.
E como precisa moitas castañas para repartir entre as rapazas e rapaces de toda Galicia, está a comezar a apañalas polos nosos montes e bosques agora, na época do magosto, pero… qué aventuras lle sucederán polo camiño?? Se queres sabelo, só tes que anotarte chamando ao 988451293 ou ao 604037952, ou escribir un correo a educacionfamiliar@concelloabola.gal para anotarte e poder ver este espectáculo tan chulo e pasar unha divertida tarde de martes.
AS PRAZAS PARA ASISTIR SON LIMITADAS, xa que as condicións do local cumprirán coa normativa de aforo máximo establecido polo protocolo COVID-19 e tamén contarán con todas as medidas de hixiene e prevención ao respecto. A asistencia con mascarilla será obrigada para este evento.