«AS AVENTURAS DO APALPADOR» visita A Bola pola época do magosto

Nov 3, 2020Actividades, Actualidade, Eventos

O vindeiro martes día 10 de novembro ás 16:30h. no Local Social de Veiga (baixo concello) presentarase a actividade lúdica para toda a familia «As aventuras do Apalpador».

E sabedes quen é o Apalpador? Pois un pastor mangallón e bo, de mirada doce e longas barbas coloradas que, co seu abrigo cheo de remendos e a grandes zancadas, percorre Galicia enteira. Durante o ano fabrica carbón, vive dos froitos silvestres, caza xabarís, recolle mel e fai aparecer, coas pólas dos bosques e fragas, os xoguetes que as madeiras agochan. O 31 de decembro baixa aos pobos, visita aos nenos e nenas casa por casa e déixalles como obsequio castañas quentes e divertidos agasallos de madeira.

E como precisa moitas castañas para repartir entre as rapazas e rapaces de toda Galicia, está a comezar a apañalas polos nosos montes e bosques agora, na época do magosto, pero… qué aventuras lle sucederán polo camiño?? Se queres sabelo, só tes que anotarte chamando ao 988451293 ou ao 604037952, ou escribir un correo a educacionfamiliar@concelloabola.gal para anotarte e poder ver este espectáculo tan chulo e pasar unha divertida tarde de martes.

AS PRAZAS PARA ASISTIR SON LIMITADAS, xa que as condicións do local cumprirán coa normativa de aforo máximo establecido polo protocolo COVID-19 e tamén contarán con todas as medidas de hixiene e prevención ao respecto. A asistencia con mascarilla será obrigada para este evento.