A BOLA VÍSTESE DE NADAL

A BOLA VÍSTESE DE NADAL

Que andaremos argallando para este Nadal? Pois unha das cousiñas que temos entre mans é a posta en marcha da iniciativa de decoración comunitaria «A Bola vístese de Nadal», a través da que animamos ás familias, aos veciños e veciñas, a que poñamos engalanadas as nosas casiñas e negocios con motivos típicos destas datas, con obxectos novos, reutilizados, feitos a man, etc. na medida que cada unha poida e queira! Non hai un mínimo de adornos, nin un estilo único… Dádelle renda solta á imaxinación! É unha actividade en familia e en comunidade á vez, que nos levará logo a algo moi chulo… Anímaste a participar e descubrilo?

Se queres ter máis información, podes chamar ao 988451293, e para enviar as fotos da decoración rematada antes do día 16 de decembro podes facelo a través de Whatsapp ou Telegram ao 604037952 ou por correo electrónico a: educacionfamiliar@concelloabola.gal.

O CONCELLO DE A BOLA DI NON Á VIOLENCIA DE XÉNERO

O CONCELLO DE A BOLA DI NON Á VIOLENCIA DE XÉNERO

Hoxe é 25 de Novembro, e conmemórase o Día Internacional contra a Violencia de Xénero e vén lembrarnos que aínda hai moito por facer para eliminar a violencia machista da nosa sociedade, xa que segue a ser unha lacra que está a afectar a moitas mulleres e ás súas crianzas, e xa se levou a vida de 41 mulleres no presente 2020 (cifra actualizada a mes de novembro, o que supón o friolero cálculo aproximado dunha falecida por semana no que vai de ano)

A pandemia deste foi un factor moi negativo para a situación das mulleres vítimas de violencia de xénero, porque a pesares de que as denuncias por estatística se estancaron en número, as solicitudes de información a servizos de atención á muller e ao número 061 triplicáronse, o que indica que debemos seguir traballando para facilitar que as mulleres que o precisen poidan dar o paso para saír desa situación dun xeito eficaz e nunha contorna o máis segura e protectora posible.

Non debemos esquecer tampouco ás outras vítimas, as fillas e fillos destas mulleres que tamén viven esta situación de violencia e que precisan dos nosos esforzos para brindarlles a oportunidade que merecen de vivir unha situación de benestar e tranquilidade lonxe deste tipo de situacións.

Hoxe e os 365 días do ano, o concello de A Bola di NON á violencia de xénero, e poñemos a disposición das mulleres que o precisen todos os servizos e mecanismos que están da nosa man para axudalas a que ese cambio de situación sexa posible.

ACTIVIDADES CONMEMORATIVAS DO 25 DE NOVEMBRO, DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

ACTIVIDADES CONMEMORATIVAS DO 25 DE NOVEMBRO, DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

O concello de A Bola, no seu compromiso de continuar con iniciativas que fomenten e promovan a erradicación da violencia contra as mulleres, ten programadas novas actividades para conmemorar o día Día Internacional contra a Violencia de Xénero dentro do “Espazo de Mulleres” (subvencionado pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia en desenvolvemento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero), que se levarán a cabo no Local Social de Veiga a partires das 16:30h. do día 23 de novembro, dirixidas tamén ás súas crianzas: por unha banda, teremos un contacontos sobre o libro “Pepuka y el monstruo que se llevó su sonrisa” de Estela Moreno, galardonado con diversos premios a nivel pedagóxico pola súa capacidade de recoller e transmitir á poboación infantil un tema tan complexo como é todo o proceso da violencia de xénero de xeito moi sutil e sinxelo de xeito que pode ser comprendido tanto polas crianzas coma por persoas adultas. E por outra banda, a continuación, realizarase un obradoiro temático no que traballaremos aspectos relacionados coa prevención da violencia de xénero a través da empatía e o respecto, da importancia das emocións e os bos tratos, na liña do traballado en diversos obradoiros realizados nos últimos meses para tal fin.

As prazas son limitadas, e coma todas as actividades que estamos levando a cabo seguiranse as medidas de seguridade e hixiene correspondentes ante a COVID-19.

Para máis información e inscricións: 988451293 ou 604037952 (tamén whatsapp), ou ben por correo electrónico a educacionfamiliar@concelloabola.gal

Bases para a selección de auxiliares de axuda no fogar

Bases para a selección de auxiliares de axuda no fogar

Xa están publicadas as bases para a selección e posterior contratación de oito auxiliares de axuda no fogar en modalidade de persoal laboral temporal dende o 01/01/2021 ata o 31/12/2021. O prazo de presentación das solicitudes deberá facerse dende hoxe ata o vindeiro xoves 26 de novembro, entregando toda a documentación no Rexistro Xeral do Concello en horario de 9:00h a 14:00h de luns a venres. As bases poderán ser consultadas no taboleiro de anuncios do concello de A Bola en horario de oficina (de 9h. a 15h.) ou na nosa sede electrónica (á que podedes acceder a través desta páxina web, no botón laranxa ubicado na parte superior dereita).

Podedes consultar tamén AQUÍ a publicación do anuncio no Boletín Oficial da Provincia de Ourense.

O CONCELLO DE A BOLA, UN NADAL MÁIS, SOLIDARIA COAS PERSOAS MÁIS NECESITADAS

O CONCELLO DE A BOLA, UN NADAL MÁIS, SOLIDARIA COAS PERSOAS MÁIS NECESITADAS

Como cada ano o noso concello colabora con Protección Civil e o Banco de Alimentos de Ourense na campaña «Por un Nadal feliz para todos» que consiste na recollida de alimentos non perecedoiros para repartir entre as persoas máis necesitadas. Este ano con maior motivo por mor da crise económica causada pola pandemia do Coronavirus atopámonos con casos de familias que precisan desta axuda básica, polo que animamos a que quen poida colabore con nós nesta tarefa solidaria achegando alimentos non perecedoiros (legumes, aceite, pasta, leite…) en bolsas pechadas aos puntos de recollida habilitados no centro de saúde e no edificio consistorial.

A recollida dos alimentos que reunamos realizarase en dúas tandas: unha ata o 18 de decembro e outra ata o 4 de xaneiro.