Dende comezos desta semana xa está a funcionar o bar ubicado na Área Recreativa de A Bola, ofrecendo un ano máis o servizo de restauración que cada ano acompaña o tempo de lecer para todas as persoas que se achegan a desfrutar deste emblemático lugar e dos preferidos polos visitantes ao noso municipio.
Esta será a primeira das tres sesións en liña da nosa Escola de Familias deste primeiro semestre do ano 2020. Desta volta, partillaremos con Andrea Rodríguez, psicóloga xeral sanitaria e psicóloga infanto-xuvenil que nos dará pautas para afrontar mellor os retos a nivel emocional e de xestión que supón a nova realidade que nos presenta a crise do COVID-19 dende agora e nos vindeiros meses.
Como xestionar emocións, como axudar ás nosas crianzas
a facelo, cómo establecer normas e límites con elas en relación a
aspectos tan importantes coma reencontros con amizades e familiares, as
posibles rabechas e discusións xeradas pola situación, afrontamento de
posibles mortes de persoas coñecidas ou cercanas e como xestionala
cos/as máis peques da casa… En definitiva, consellos esenciais para
adaptarnos mellor á nova realidade.
Dende hoxe están abertas as inscricións, que poderán realizarse ata o
propio día 27 de maio ata as 14h. a través dos teléfonos: 988451293 e
604037952 (este último tamén por whatsapp) ou escribindo un correo
electrónico a: educacionfamiliar@concelloabola.gal
Lembrade que
neste formato, ao anotarvos, o día da primeira emisión da sesión en
Internet (27 de maio) recibiredes un enlace para poder visualizala
durante unha semana completa as veces que queirades.
É unha nova iniciativa dende o Programa de Educación e Apoio Familiar para continuar o proxecto que a comezos deste ano iniciou a súa terceira edición e que se viu truncado polo estado de alarma pola crise do COVID-19; non queriamos que quedasen sen ofrecer todos os contidos que tiñamos preparados para ofrecervos, e tamén seguir aprendendo xunt@s!
COMO VAN SER ESTAS SESIÓNS?
Moi sinxelo! As sesións serán impartidas por profesionais do sector,
coma sempre! Serán gravadas e emitirase por primeira vez cada sesión nas
datas indicadas e as persoas que vos anotedes teredes acceso dende esa
data e durante unha semana completa para poder ver esa gravación nos
momentos que teñades, e as veces que precisedes.
DENDE QUE DISPOSITIVOS PODO VER AS SESIÓNS?
Dende calquera! O teu móbil, unha tablet, un ordenador… Calquera dispositivo que esté conectado a Interntet.
HAI QUE INSCRIBIRSE?
Si, claro, coma sempre! Chamando aos números de teléfono 988451293 e
604037952, ou enviando un correo electrónico a:
educacionfamiliar@concelloabola.gal. Tamén podedes poñervos en contacto
con nós a través destes medios para ter máis información ao respecto.
Este domingo, día 17 de maio, como cada ano celébrase o Día das Letras Galegas. Este ano homenaxéase ao filólogo e escritor coruñés Don Ricardo Carvalho Calero, que xa dende moi novo destacou en diversos xéneros literarios.
Dende o Concello de A Bola, preparamos para celebrar este día un vídeo poema recitado polos nosos veciños e veciñas, concretamente o titulado «Ferrol 1916» no que Carvalho Calero rememora detalles da súa infancia na súa terra natal. Podedes velo premendo no seguinte enlace:
Moitas grazas ás familias participantes deste vídeo, e a toda a nosa veciñanza, porque son portadora e valedora deste ben inmaterial que é a nosa fala galega.
Hoxe celébrase o Día Internacional das Familias, e queremos resaltar coma sempre o papel tan fundamental que ten esta figura na nosa sociedade, como motor de progreso e de benestar.
Este ano, tocounos vivir unha situación excepcional, unha crise sanitaria debido ao COVID-19 que obrigou a todas e todos a poñer en marcha todos os recursos habidos e por haber para manter unha situación social, laboral e famliar complexa, na que as crianzas foron as grandes heroínas co seu exemplo de adaptación.
Dende o concello de A Bola, a través do Programa de Educación e Apoio Familiar Municipal, queremos rendir homenaxe a todas elas novamente coñecendo a súa visión do vivido e do que están a vivir, e por iso, convocamos hoxe o que chamamos «FESTIVAL GRÁFICO: Quedamos na Casa», que virá a ser unha galería de vivencias, de impresións, de expresión… a través de debuxos e fotografías que nos acheguen daquelo que represente esta temporada nas vidas de cada un/a nos seus domicilios, nas súas vilas.
Máis información e envío de debuxos e fotos a través do 988451293, do 604037952 (tamén whatsapp) e no correo: educaciónfamiliar@concelloabola.gal