O vindeiro luns 7 de xuño editarase a última sesión da nosa 4ª edición da Escola de Familias; desta volta falaremos con Montse Dafonte, farmacéutica no concello de A Bola (concretamente no lugar de Podentes) sobre o uso que soemos facer a cidadanía cos medicamentos. Haberá temas tan interesantes como saber que pode suceder cando decido por vontade propia parar de tomar unha medicación que me receitou a/o médica/o, ou se me tomo aquelas pastillas que me dixo unha amizade que eran boas para ese problema que eu teño, sobre prospectos e xestión de medicamentos caducados, se é bo ou non tomar paracetamol antes da vacina contra a Covid-19, ou como elaborar un botiquín caseiro que sexa ben completo… Queredes saber sobre todo isto e máis cousiñas de interese? Non dubidedes en inscribirvos a esta sesión ANTES DESTE VENRES DÍA 4 DE XUÑO, enviando un correo electrónico a: educacionfamiliar@concelloabola.gal, chamando ao 988451293 (extensión 4) ou ao 604037952 (aquí tamén atendemos mensaxes de Whatsapp e Telegram).
O vindeiro día 10 de maio transmitiremos a seguinte sesión en liña da nosa Escola de Familias, que será «Resolución de conflitos en positivo», tratando de desmitificar o que para moitxs de nós é un conflito e vendo a súa parte positiva, a oportunidade que trae consigo se se resolve a través de ferramentas axeitadas. Desta volta será Sanua G. Saberi, psicóloga da Asociación Xarela de Ourense.
Para poder visualizar esta sesión, é preciso inscribirse previamente e ata o venres 7 de maio, ben chamando por teléfono ao 988451293 ou 604037952 (aquí tamén por mensaxe de Whatsapp ou Telegram), ou ben escribindo un correo electrónico a: educacionfamiliar@concelloabola.gal
Neste mes de abril poñeremos en marcha novamente a nosa «Escola de Familias» para este ano 2021. Será o 4º ano no que ofreceremos a nais, pais e educadores/as en xeral a posibilidade de sumarse a esta serie de sesións que buscan formar e informar sobre temáticas de interese para as nosas familias. Tendo en conta a situación actual e facilitando a participación de todos/as, esta edición tamén será en liña, é dicir, sesións gravadas e colgadas na rede para a súa posterior visualización, ao igual que fixemos o ano pasado .
A primeira sesión publicarase o vindeiro luns 19 de abril co título «APRENDENDO A LER AS ETIQUETAS»; nesta sesión falaremos de tipos de produtos, ingredientes que poden ter e como identificar os que poden ser nocivos, desmontaremos mitos e ofreceremos alternativas de alimentación saudable, especialmente para as nosas crianzas. Todo isto e máis da man de Rebeca Bande, unha nai apaixoada da alimentación e nutrición, a educación e a sostibilidade, e que leva anos ofrecendo charlas e formacións sobre esta temática a nais, pais e profesionais relacionados co mundo da educación das crianzas.
Para poder recibir o enlace para a visualización da sesión, é preciso inscribirse previamente ata este venres día 16 de abril chamando ao 988451293 ou 604037952 (tamén whatsapp e telegram), ou escribindo un correo electrónico a: educacionfamiliar@concelloabola.gal.