No concello de A Bola estamos traballando na elaboración e posta en marcha do «IV Plan Municipal de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes» para as anualidades 2023-2027.
Neste proceso, gustaríanos contar coas achegas, suxestións e opinións de todas as persoas implicadas, para elaborar así un documento axustado á realidade que sirva para unha verdadeira transformación do concello e que contribúa á mellora da calidade de vida de todas e todos.
Agradeceríamos pois a túa colaboración cumprimentando esta pequena enquisa antes do vindeiro 28 de xuño: https://forms.gle/n7nFVQi2H8vLME9AA
Este venres no Local Social de Veiga, ás 16:30h. celebraremos unha festiña de Entroido dirixida a familias e crianzas na que realizaremos un obradoiro, faremos xogos, haberá música e tamén unha pequena merendiña de picoteo. Será gratuita para persoas empadroadas e terá un custe de 2 euros por persoa para aquelas non empadroadas. Para asistir é preciso inscribirse previamente chamando ao 988451293 ou escribindo un correo a: educacionfamiliar@concelloabola.gal.
A iniciativa da Xunta de Galicia «Coidados porta a porta» chegará ao concello de A Bola os días 1,2 e 5 de decembro para ofrecer consultas de audioloxía, podoloxía e estimulación da memoria. Un autobús estará ubicado no aparcamento da casa do concello para atender a aquelas persoas maiores de 55 anos que así o soliciten estes servizos consistentes en:
Servizo de podoloxía: Consultas básicas, valoración do estado xeral do pé, corte e limpeza de unllas, eliminación de durezas, callos e helomas.
Servizo de audioloxía: valoración e exploración da audición e prevención da pérdida auditiva.
Servizo de estimulación da memoria: Un profesional realizará unha valoración cognitiva e proporcionará pautas dende unha perspectiva terapéutica de cómo previr e aminorar un deterioro, en caso de habelo.
Para poder ser atendido/a, DÉBESE PEDIR CITA PREVIA chamando ao teléfono 622 748 283, o teléfono 623 546 992 ou por correo electrónico: coidadosportaaporta@silman.es.
Haberá esta vez unha charla informativa do servizo de podoloxía no primeiro día de servizo, o día 1 de decembro, e será ás 13h no local social de Veiga. A asistencia a esta charla é libre e non é preciso pedir cita previa para asistir.
Este venres día 11 de novembro celebraremos novamente o noso esperado magosto, no que a partires das 18h. poderemos compartir dunha merenda con castañas, pan, chourizo e viño amenizada con espectáculos musicais e teatrais para todos os públicos. A Coral Municipal da Bola e os Amigos do Acordeón Terras de Celanova actuarán dende as 18h. ata as 19h, dando paso a unha obra de teatro infantil e familiar chamada «Xogar e Aprender en Galego Mola!», pertencente á oferta de espectáculos dentro do programa «falaRedes» da Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia.
A entrada é gratuita para a veciñanza, e hai que anotarse previamente durante esta semana chamando ao concello (988451293) en horario de oficina (de 9 a 15h). Non faltedes!
Dende o vindeiro mércores día 9 de novembro o noso concello acollerá unha actividade novidosa e moi interesante: un obradoiro creativo de teatro de sombras! Neste obradoiro as crianzas de a partires de 6 anos de idade poderán aprender a crear dende cero un espectáculo de teatro de sombras da man da artista Valerie Lenders que será representado en aberto ao público xeral o día 4 de xaneiro, véspera de Reis.
Este obradoiro estará formado por 3 sesións os días 9 de outubro, 7 de decembro e 14 de decembro, e a hora de comezo será ás 16h. O lugar de realización será o local social de Veiga, as prazas son limitadas e serán cubertas por orde de inscrición.
Para inscribirse, contactar con Valerie (652948697) ou con Pamela (604037952) antes do martes día 8 de novembro.
Esta actividade é una iniciativa de A Casa Vella de Amiadoso que conta coa cofinanciación da Xunta de Galicia, o FSE e o Ministerio, e a colaboración do concello de A Bola.
O concello de A Bola poñerá en funcionamento a partires do vindeiro mes un servizo de atención á infancia e adolescencia para crianzas de ata 16 anos de idade de luns a venres en horario de tarde, para fomentar a conciliación das familias e tamén ofertar un servizo de calidade na atención aos/ás menores no que formentar o desenvolvemento da súa autonomía, as súas habilidades e reforzar coñecementos. Todas as persoas interesadas poden completar información e realizar as inscricións por correo electrónico (educacionfamiliar@concelloabola.gal) ou teléfono (988451293 – 604037952). AS PRAZAS SON LIMITADAS.
Esta medida é posible grazas á organización do concello de a Bola coa financiación recibida a través do Plan Corresponsables da Xunta de Galicia e o Ministerio.