MAGOSTO 2022: «II Festa de Exaltación da Castaña»

Este venres día 11 de novembro celebraremos novamente o noso esperado magosto, no que a partires das 18h. poderemos compartir dunha merenda con castañas, pan, chourizo e viño amenizada con espectáculos musicais e teatrais para todos os públicos. A Coral Municipal da Bola e os Amigos do Acordeón Terras de Celanova actuarán dende as 18h. ata as 19h, dando paso a unha obra de teatro infantil e familiar chamada «Xogar e Aprender en Galego Mola!», pertencente á oferta de espectáculos dentro do programa «falaRedes» da Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia.

A entrada é gratuita para a veciñanza, e hai que anotarse previamente durante esta semana chamando ao concello (988451293) en horario de oficina (de 9 a 15h). Non faltedes!

OBRADOIRO CREATIVO DE TEATRO DE SOMBRAS

OBRADOIRO CREATIVO DE TEATRO DE SOMBRAS

Dende o vindeiro mércores día 9 de novembro o noso concello acollerá unha actividade novidosa e moi interesante: un obradoiro creativo de teatro de sombras! Neste obradoiro as crianzas de a partires de 6 anos de idade poderán aprender a crear dende cero un espectáculo de teatro de sombras da man da artista Valerie Lenders que será representado en aberto ao público xeral o día 4 de xaneiro, véspera de Reis.

Este obradoiro estará formado por 3 sesións os días 9 de outubro, 7 de decembro e 14 de decembro, e a hora de comezo será ás 16h. O lugar de realización será o local social de Veiga, as prazas son limitadas e serán cubertas por orde de inscrición.

Para inscribirse, contactar con Valerie (652948697) ou con Pamela (604037952) antes do martes día 8 de novembro.

Esta actividade é una iniciativa de A Casa Vella de Amiadoso que conta coa cofinanciación da Xunta de Galicia, o FSE e o Ministerio, e a colaboración do concello de A Bola.

FESTA FAMILIAR DE SAMAÍN

FESTA FAMILIAR DE SAMAÍN

O vindeiro luns día 31 de outubro teremos no local social de Veiga a nosa festiña máis terrorífica do ano, a Festiña de Samaín á que poden vir crianzas e as súas familias para disfrutar con nós de variadas actividades relacionadas con esta festividade. A participación é de balde, soamente haberá que anotarse ata o día 28 (venres) contactando co concello por teléfono (988451293 – 604037952) ou correo electrónico (educacionfamiliar@concelloabola.gal). Esperámoste!

«PETISCOS DA LINGUA» PARA CRIANZAS

O vindeiro sábado día 8 de outubro ás 11:30h o Local Social de Veiga (baixo concello) acollerá a actuación de «Petiscos da Lingua», un espectáculo infantil que ten como finalidade dar a coñecer e fomentar a práctica de ditos e recitados da literatura popular infantil de Galicia no ámbito familiar e da veciñanza para contribuír á transmisión interxeracional da lingua. Mediante xogos verbais de participación, cancións, contos, monicreques e outros recursos, ofrécese dun xeito divertido unha escolma de ditos tradicionais como os recollidos na serie de vídeos realizada pola compañía Migallas Teatro dentro do Programa de Dinamización Lingüística «FalaRedes». A entrada é libre!

VENRES DE CINE NA RÚA: «LIVE IS LIFE»

VENRES DE CINE NA RÚA: «LIVE IS LIFE»

Este venres día 23 ás 21h na nave de Cacabelos proxectarase de forma gratuita e con libre acceso a película «Live is Life», unha película española que acadou un premio na sección oficial do festival de Málaga do pasado ano, e que está a recorrer a nosa xeografía para amosar unha historia ambientada no ano 1985 no que como cada ano, Rodri deixa Cataluña e viaxa coa súa familia ao pobo galego dos seus pais para reencontrarse coa súa cuadrilla. Con todo, este ano é distinto para el e os seus amigos. Os problemas do mundo real empezan a aparecer nas súas vidas, ameazando con separarlles. Aferrándose á amizade que lles une, o cinco amigos planean escaparse a noite de San Xoán en busca dunha flor máxica que, segundo conta a lenda, crece no alto dunha montaña e pode facer que os desexos se fagan realidade. Porque o seu único desexo agora é resolver o problema do seu amigo en apertos, e con iso poder seguir xuntos.

A duración da película será de 1 hora e media aproximadamente e conta coa cofinanciación da Deputación de Ourense. Esperámoste!