O CONCELLO DE A BOLA DI NON Á VIOLENCIA DE XÉNERO
Hoxe é 25 de Novembro, e conmemórase o Día Internacional contra a Violencia de Xénero e vén lembrarnos que aínda hai moito por facer para eliminar a violencia machista da nosa sociedade, xa que segue a ser unha lacra que está a afectar a moitas mulleres e ás súas crianzas, e xa se levou a vida de 41 mulleres no presente 2020 (cifra actualizada a mes de novembro, o que supón o friolero cálculo aproximado dunha falecida por semana no que vai de ano)
A pandemia deste foi un factor moi negativo para a situación das mulleres vítimas de violencia de xénero, porque a pesares de que as denuncias por estatística se estancaron en número, as solicitudes de información a servizos de atención á muller e ao número 061 triplicáronse, o que indica que debemos seguir traballando para facilitar que as mulleres que o precisen poidan dar o paso para saír desa situación dun xeito eficaz e nunha contorna o máis segura e protectora posible.
Non debemos esquecer tampouco ás outras vítimas, as fillas e fillos destas mulleres que tamén viven esta situación de violencia e que precisan dos nosos esforzos para brindarlles a oportunidade que merecen de vivir unha situación de benestar e tranquilidade lonxe deste tipo de situacións.
Hoxe e os 365 días do ano, o concello de A Bola di NON á violencia de xénero, e poñemos a disposición das mulleres que o precisen todos os servizos e mecanismos que están da nosa man para axudalas a que ese cambio de situación sexa posible.