Escola de Familias En Liña: «RESOLUCIÓN DE CONFLITOS EN POSITIVO»

Escola de Familias En Liña: «RESOLUCIÓN DE CONFLITOS EN POSITIVO»

O vindeiro día 10 de maio transmitiremos a seguinte sesión en liña da nosa Escola de Familias, que será «Resolución de conflitos en positivo», tratando de desmitificar o que para moitxs de nós é un conflito e vendo a súa parte positiva, a oportunidade que trae consigo se se resolve a través de ferramentas axeitadas. Desta volta será Sanua G. Saberi, psicóloga da Asociación Xarela de Ourense.

Para poder visualizar esta sesión, é preciso inscribirse previamente e ata o venres 7 de maio, ben chamando por teléfono ao 988451293 ou 604037952 (aquí tamén por mensaxe de Whatsapp ou Telegram), ou ben escribindo un correo electrónico a: educacionfamiliar@concelloabola.gal

Comezo da 4ª edición da «Escola de Familias 2021» (formato en liña)

Comezo da 4ª edición da «Escola de Familias 2021» (formato en liña)

Neste mes de abril poñeremos en marcha novamente a nosa «Escola de Familias» para este ano 2021. Será o 4º ano no que ofreceremos a nais, pais e educadores/as en xeral a posibilidade de sumarse a esta serie de sesións que buscan formar e informar sobre temáticas de interese para as nosas familias. Tendo en conta a situación actual e facilitando a participación de todos/as, esta edición tamén será en liña, é dicir, sesións gravadas e colgadas na rede para a súa posterior visualización, ao igual que fixemos o ano pasado .

A primeira sesión publicarase o vindeiro luns 19 de abril co título «APRENDENDO A LER AS ETIQUETAS»; nesta sesión falaremos de tipos de produtos, ingredientes que poden ter e como identificar os que poden ser nocivos, desmontaremos mitos e ofreceremos alternativas de alimentación saudable, especialmente para as nosas crianzas. Todo isto e máis da man de Rebeca Bande, unha nai apaixoada da alimentación e nutrición, a educación e a sostibilidade, e que leva anos ofrecendo charlas e formacións sobre esta temática a nais, pais e profesionais relacionados co mundo da educación das crianzas.

Para poder recibir o enlace para a visualización da sesión, é preciso inscribirse previamente ata este venres día 16 de abril chamando ao 988451293 ou 604037952 (tamén whatsapp e telegram), ou escribindo un correo electrónico a: educacionfamiliar@concelloabola.gal.

«Mulleres Galegas nas Letras»: FILOMENA DATO MURUAIS

«Mulleres Galegas nas Letras»: FILOMENA DATO MURUAIS

Con este primeiro vídeo damos comezo a este proxecto de visibilización e reivindicación da figura da muller no eido da creación literaria galega con Filomena Dato Muruais, unha ourensana do SXIX da que non nos podemos esquecer chegado o 8M xa que foi unha escritora comprometida co movemento feminista e en contra dos estereotipos machistas non só nas súas letras senon na súa intensa actividade social e cultural, nuns tempos complexos para este tipo de reivindicacións.

Para ver o vídeo, preme AQUÍ.

8 DE MARZO: DÍA INTERNACIONAL DA MULLER

8 DE MARZO: DÍA INTERNACIONAL DA MULLER

Hoxe conmemórase o Día Internacional da Muller, un día moi especial para todas nós, para lembrar que cada día debemos avanzar cara unha realidade máis igualitaria, pola eliminación de todo aquelo que promova a desigualdade e o posicionamento das mulleres en desvantaxe con respecto aos homes (a nivel laboral, familiar, profesional, doméstico, económico, político…). É preciso facer posible unha igualdade de oportunidades real, e isto non é competencia só das propias mulleres, senon que é imprescindible a implicación de toda a sociedade no seu conxunto.

Un dos aspectos importantes para acadar esa igualdade é facer visible o papel da muller en ámbitos nos que non soe verse recoñecida, a pesares das súas importantes e numerosas aportacións ao longo da historia.

Neste senso, dende o concello de A Bola queremos contribuir a esta visibilización, e aproveitando esta importante data e co gallo da adicación do Día das Letras Galegas 2021 a unha muller, Xela Arias, daremos comezo ao proxecto «Mulleres galegas nas letras» para recoñecer e reivindicar o papel da muller no eido da creación literaria galega. Así, cada semana dende o 8 de marzo ata o 17 de maio, daremos a coñecer unha autora galega tanto histórica coma contemporánea, descubrindo así o talento e potencial da nosa literatura escrita por mulleres.

Feliz Día, a todas!