Un ano máis, dentro do Programa Municipal de Fomento da Conciliación do concello de A Bola, realizarase un campamento polo periodo non lectivo de Semana Santa dirixido ás familias con menores de entre 3 e 12 anos de idade. Durante os días 3, 4, 5 e 10 de abril, en horario de 10:15h a 12:45h, as crianzas asistentes realizarán xogos, manualidades, xinkanas… e tamén terán unha xornada lúdica con novas tecnoloxías.
O prazo para anotarse será ata o día 27 do presente mes de marzo e deberán facelo contactando co concello no 988451293 ou o 604037952 (neste móbil tamén a través de whatsapp) ou a través do correo: educacionfamiliar@concelloabola.gal
AS PRAZAS SON LIMITADAS! A asistencia será gratuita para empadroad@s, e @s non empadroad@s deberán aboar 10€ por neno/a participante.
Este mércores día 8 de marzo levarase a cabo no Local Social de Veiga (baixo do concello) unha actividade temática de igualdade de 16:30h a 17:30h. Para poder participar é preciso inscribirse previamente por teléfono (988451293 ou 604037952) ou correo eletrónico (educacionfamiliar@concelloabola.gal).
Este venres no Local Social de Veiga, ás 16:30h. celebraremos unha festiña de Entroido dirixida a familias e crianzas na que realizaremos un obradoiro, faremos xogos, haberá música e tamén unha pequena merendiña de picoteo. Será gratuita para persoas empadroadas e terá un custe de 2 euros por persoa para aquelas non empadroadas. Para asistir é preciso inscribirse previamente chamando ao 988451293 ou escribindo un correo a: educacionfamiliar@concelloabola.gal.
O vindeiro 7 de febreiro o local social de Veiga (baixo concello) acollerá unha reunión informativa sobre a concentración parcelaria, polígonos agrarios e outros xeitos de aproveitamento do rural a cargo de Alfredo Fernández Ríos, Subdirector de Mobilidade de Terra da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural da Xunta de Galicia.
Aquelas persoas que non poidan achegarse presencialmente, poderán seguila en directo por Internet; para elo, deberán comunicarse co concello por teléfono no 988451293 ou correo electrónico: concello@concelloabola.gal e así poder facilitarlle o correpondente enlace e claves de acceso.
Este xoves día 5 ás 10:30h. uns Reis Magos moi especiais sairán dende a Casa Consistorial nos vehículos municipais para visitar todas as parroquias do concello repartindo caramelos e levarlles música e animación durante o día previo á noite máxica de Reis. A visita prolongarase durante toda a mañá e parte da tarde.
Mañá mércores día 4 de xaneiro ás 12h no local social de Veiga acolleremos o espectáculo «El Mensaje», unha obra de teatro de sombras que nace do traballo realizado no obradoiro creativo de teatro de sombras que A Casa Vella de Amiadoso levou a cabo en colaboración co noso concello nos meses de novembro e decembro do pasado 2022. Valérie Lenders é a artista responsable desta iniciativa e acompañará aos nenos e nenas neste espectáculo, xa que serán eles/as os/as responsables de executar esta obra que busca contar unha historia, con certo paralelismo á dos Reis Magos coa estrela de Oriente, tratando de concienciar sobre a cooperación, a solidariedade, e o respecto á natureza, entre outros importantes valores.
A entrada é libre para quen desexe asistir, e ao remate poñeremos un pequeno picoteo de roscón de Reis e bica para as crianzas e persoas asistentes.