A MECA DA BOLA DESÉXAVOS UN BO ENTROIDO

A MECA DA BOLA DESÉXAVOS UN BO ENTROIDO

No concello de A Bola temos unha Meca moi particular, que lle gusta moito que a saúden e coñecer xente, e tamén tomarse un refresquiño ao sol ás portas do edificio consistorial, xa que a hostalería aínda permanece pechada e reivindicando a pronta saída desta crise e volta a poder atoparnos novamente… Iso si, con todas as medidas de seguridade! ;-P

Esta Meca foi creada polas nosas crianzas que vos indican, tal e como di o cartaz que leva consigo a figura: «Se ao noso concello queres entrar, á Meca debes saudar; se no noso concello queres permanecer, á Meca debes coñecer». Así que xa estades a tardar en visitala, saudala, e sacarvos unha fotiño con ela (podedes etiquetarnos nas nosas redes sociais de Facebook e Instagram!)

Que pasedes un feliz Entroido! A pesares das circunstancias, que poidades disfrutalo con sentidiño, respectando todas as medidas de seguridade pero nunca perdendo a ilusión!

PAPÁ NOEL DECIDIU VIR PASAR UNS DÍAS Á BOLA!

A QUE NON SABEDES QUEN DECIDIU VIR PASAR A PONTE AO CONCELLO DE A BOLA? O mesmiño Papá Noel, que escoitou marabillas do noso municipio, decidiu que este sería o lugar onde pasar estes días de ponte e tomarse un chocolatiño quente mentres espera a que o vaian visitar todos os veciños e veciñas, incluso para sacarse fotiños con el.

Tedes xa a carta para enviarlle? Pois aproveitade e deixádella alí para que xa a leve consigo ao Polo Norte, e prepare todo para cando volva na noite do 24 a todas as nosas casas. Así que xa sabedes!! Tedes unha cita pendente dende hoxe: VISITAR AO PAPÁ NOEL DA BOLA! Está en Veiga, xusto na entrada do concello onda o cruce para Allariz, a uns metros do edificio do concello. E logo da visita podedes ir tomarlle algo quentiño alí ao lado, na Forxa do Antón. Plan completo! 🙂

IMPORTANTE!! Se te sacas unha foto con este Papá Noel, lembra etiquetarnos!! 🥰

Facebook: Concello De A Bola

Instagram: @concello_abola

PROXECTO DE MELLORA DE CAMIÑOS MUNICIPAIS DE ACCESO A PARCELAS AGRÍCOLAS 2020-2021

O Proxecto de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2020-2021 do Concello de A Bola é unha medida 4.3 do PDR de Galicia 2014-2020 no Plan marco de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2020-2021, cofinanciado pola Unión Europea cos fondos FEADER: Europa inviste no rural, AGADER, Ministerio de Administracións Públicas e Xunta de Galicia.

O CONCELLO DE A BOLA DI NON Á VIOLENCIA DE XÉNERO

O CONCELLO DE A BOLA DI NON Á VIOLENCIA DE XÉNERO

Hoxe é 25 de Novembro, e conmemórase o Día Internacional contra a Violencia de Xénero e vén lembrarnos que aínda hai moito por facer para eliminar a violencia machista da nosa sociedade, xa que segue a ser unha lacra que está a afectar a moitas mulleres e ás súas crianzas, e xa se levou a vida de 41 mulleres no presente 2020 (cifra actualizada a mes de novembro, o que supón o friolero cálculo aproximado dunha falecida por semana no que vai de ano)

A pandemia deste foi un factor moi negativo para a situación das mulleres vítimas de violencia de xénero, porque a pesares de que as denuncias por estatística se estancaron en número, as solicitudes de información a servizos de atención á muller e ao número 061 triplicáronse, o que indica que debemos seguir traballando para facilitar que as mulleres que o precisen poidan dar o paso para saír desa situación dun xeito eficaz e nunha contorna o máis segura e protectora posible.

Non debemos esquecer tampouco ás outras vítimas, as fillas e fillos destas mulleres que tamén viven esta situación de violencia e que precisan dos nosos esforzos para brindarlles a oportunidade que merecen de vivir unha situación de benestar e tranquilidade lonxe deste tipo de situacións.

Hoxe e os 365 días do ano, o concello de A Bola di NON á violencia de xénero, e poñemos a disposición das mulleres que o precisen todos os servizos e mecanismos que están da nosa man para axudalas a que ese cambio de situación sexa posible.