Este xoves día 17 de setembro comezarán dúas formacións na nosa aula CeMIT: «Aprende a utilizar o teléfono móbil» e «Aprende a utilizar Whatsapp». Ambolos dous cursos desenvolveranse en horario de mañá de xeito presencial na aula CeMIT e están dirixidos principalmente a aquelas persoas maiores que poidan ter maior dificultade no manexo de teléfono móbil e tamén de como usar o «Whatsapp» (a coñecida aplicación de mensaxería), pero pode participar todas aquelas persoas que desexen refrescar coñecementos e/ou profundizar máis no seu uso.
Para máis información sobre horarios e realización de inscricións, poñerse en contacto chamando ao 988451293 ou enviando un correo electrónico a: cemit.abola@xunta.gal.
Lembrade! Para aquelas persoas que non teñan vehículo ou forma de desprazarse ata a aula, poden concertar o servizo de transporte municipal chamando ao 988433786.
O pasado mércores os cativos e cativas participantes do noso Espazo Medrando Xunt@s do concello de A Bola puideron desfrutar dunha “Festa de Fin de Verán” con hinchables, deslizadora de auga, festa da escuma, xogos, música… todo elo para pechar a tempada de actividades que neste espazo se levaron a cabo durante os meses de verán no municipio para nenos e nenas de entre 3 e 12 anos. Este servizo posto en marcha polo concello veu a ofrecer unha oportunidade de atención á infancia e conciliación para as familias do municipio, ás que lle agradecemos de corazón o seu cariño e constante colaboración para que estas actividades chegasen a ser o éxito que foron.
Chegado setembro, a Aula CeMIT de A Bola comeza a programación formativa para este último cuadrimestre do ano. Uso de dispositivos móbiles, ofimática, realización de trámites administrativos en liña… unha chea de oportunidades de aprendizaxe dende este mes e ata decembro e con moita utilidade nestes tempos nos que as novas tecnoloxías cobran máis importancia que nunca no noso día a día. Anímate!
Podedes pedir máis información sobre ditos cursos chamando ao 988451293 ou escribindo un correo electrónico á dirección: cemit.abola@xunta.gal
O pasado luns puidemos aprender moito da man de Marcos, monitor de AOUREA (Asociación Ourensana de Esgrima Antiga), sobre esgrima antiga: orixe e historia, tipos de armas, de proteccións, técnicas… Todo elo con divertidos xogos, material adaptado e espertando a curiosidade das nosas crianzas sobre esta disciplina.
Mañá mércores realizaremos unha festa cos cativos e cativas participantes do Espazo Medrando Xunt@s do concello de A Bola, no que disfrutarán de música, hinchable de auga e festa da escuma, e coma sempre respectando todos os protocolos e medidas de seguridade e hixiene fronte ao COVID-19.
Deste xeito pecharase a tempada de verán deste espazo que durante os meses de xullo, agosto e estes días de setembro ofreceu moi diversas actividades a crianzas de entre 3 a 12 anos de idade, supoñendo á súa vez unha alternativa de conciliación para as familias do municipio que tivo moi boa acollida contando xa con lista de espera dende o inicio de período de solicitudes.