ABERTO O PRAZO DE INSCRICIÓN NO SERVIZO DE ATENCIÓN Á INFANCIA E CONCILIACIÓN MUNICIPAL «ESPAZO MEDRANDO XUNT@S»

Jun 15, 2020Actualidade, Eventos

Co obxectivo de favorecer a conciliación da vida laboral, persoal e familiar das nosas familias e ofrecer unha atención integral á infancia, o concello de A Bola poñerá en marcha o vindeiro 1 de xullo o Espazo «Medrando Xunt@s» na biblioteca municipal, que dará atención a menores de entre 3 e 12 anos do municipio. Neste espazo seguirase unha metodoloxía lúdica e educativa centrada nas necesidades e intereses dos/as menores asistentes, creando un ambiente agradable e favorecendo experiencias sociais satisfactorias que axuden a suavizar as posibles consecuencias que a este nivel poidan acarrexar as crianzas debido ao confinamento vivido pola situación da crise sanitaria do Covid-19.

Este servizo estará activo durante as vacacións lectivas deste ano 2020, e o prazo para inscribirse será dende hoxe e ata o 26 de xuño. As prazas son limitadas e o funcionamento deste espazo estará axustado a todas as medidas de seguridade e hixiene indicadas ante o COVID-19. Para levar a cabo este proxecto, o concello conta coa financiación da Deputación de Ourense a través da súa liña «BenOurense Infancia».