Programas municipais ofrecidos dende os servicios sociais do concello

Programa de orientación, asesoramento, información e tramitación:

 

Este programa busca dar resposta ás necesidades socialmente recoñecidas da
poboación como obxecto de traballo desde os servizos sociais a través da
orientación e asesoramento personalizado para canalizar as súas demandas e
asegurar o acceso aos diversos servizos en igualdade de oportunidades.

As actuacións que se realizan desde este programa son:

– Información: esta prestación supón dar a coñecer ao cidadán os seus
dereitos, recursos existentes, procedementos e alternativas dispoñibles
ante un problema social determinado.

– Tramitación: esta prestación refírese á realización de trámites
administrativos e a consecuente xestión de documentos.

– Derivación: é a xestión ou procedemento administrativo para remitir a
actuación a outros profesionais ou servizos, implicando sempre, polo
menos, un informe técnico por parte do profesional que o remita.

 Programa de axuda no fogar:

O Servizo de Axuda no Fogar consiste en ofrecer un conxunto de atencións ás
persoas ou unidades de convivencia no propio domicilio, para facilitar o seu
desenvolvemento e a permanencia no seu contorno habitual. Ten por obxecto
prestar un conxunto de atencións ás persoas no seu domicilio, desde unha
perspectiva integral e normalizadora, que teñan limitada a súa autonomía
persoal ou en casos de desestruturación familiar.

No Concello da Bola este servizo é público e de carácter local, e está regulado
segundo o establecido no Decreto 149/13 e na ordenanza municipal publicada
no BOP nº 114, mércores 21/5/2014. Existen dúas modalidades deste servizo no
noso municipio: prestación básica ou de libre concorrencia, e prestación
derivada pola dependencia.

O SAF poderase prestar a calquera persoa ou unidade de convivencia, para as
cales, de acordo coa valoración técnica correspondente, supoña un recurso
idóneo de atención. De forma particular, o servizo atenderá persoas maiores
con déficits de autonomía e persoas con discapacidade, especialmente cando
carezan de apoio persoal no seu medio inmediato.

Para levar a cabo este programa, as/os auxiliares de Axuda no Fogar en
conxunto coa Traballadora Social do concello fan un seguimento dos/as
usuarios/as e as súas necesidades para ofrecer unha atención personalizada que
abarque a súa problemática.

 Programa de Educación e Apoio familiar:

Este programa realiza atención directa as familias e unidades familiares
mediante sesións de valoración, seguemento e traballo individualizado e coas
unidades de convivencia orientadas a respostar as súas necesidades, tanto
expresadas como detectadas: orientación e inserción sociolaboral, motivación e
apoio psicolóxico, aprendizaxe de habilidades parentais, recursos de lecer
sociocomunitario, acompañamento en procesos de abandono de adiccións e
tratamento de trastornos, habilidades domésticas, orientación socioeducativa…

O traballo conxunto con outras entidades é fundamental, polo que se traballa
en coordinación e en rede tanto con outros servizos sociais de diferente índole
coma asociacións, ONG, centros educativos e de saúde, etc.

Dentro deste programa está enmarcado o proxecto “Escola de Familias” que
dende a súa primeira edición no 2017 busca ofrecer ás familias do concello
información, formación e ferramentas para a aprendizaxe de contidos que
responda ás súas necesidades e as axuden a mellorar a súa calidade de vida e
benestar de xeito integral, ademáis de ser motor esencial para unha
dinamización sociocomunitaria municipal que elimine posibles factores de
exclusión social.

Este programa pertence á Estratexia de Inclusión Social de Galicia (2014-2020)
da Xunta de Galicia, entidade que cofinacia esta operación xunto coa Unión
Europea dentro do seu Programa Operativo FSE Galicia 2014-2020 para
promover a igualdade, a saúde e a inclusión social (“O FSE invirte no teu
futuro”) co obxectivo de fomentar e favorecer a inclusión social das familias do
municipio con menores a cargo.

 Programa de Emerxencias Sociais:

Xestionado a través da Unidade de Traballo Social do concello, trátase dun
programa orientado a persoas ou familias con situacións de escaseza de medios
económicos que dificultan o seu completo desenvolvemento. Considéranse
situacións de emerxencia aquelas que produzan un gasto extraordinarios para
cubrir necesidades específicas de carácter básico e urxente que non poden ser
cubertas por outros sistemas de protección.

As axudas económicas concedidas son de único pago e están destinadas a
diminuír a situación de emerxencia que leva a gastos extraordinarios. A
emerxencia social pode ser concedida por diferentes conceptos: uso da vivenda
habitual, habitabilidade, equipamento, necesidades primarias, segunda vivenda
dentro ou fóra da localidade.

 Programa de prevención e inserción:

Lévase a cabo en colaboración co Banco de Alimentos e Cruz Vermella e
consiste esencialmente no reparto de alimentos para persoas necesitadas,
familias ou persoas con medios económicos escasos que presenten a súa
solicitude coa documentación precisa nos servizos sociais para formar parte do
listado de beneficiarios.

 Programa de Formación e Socialización de Persoas con Necesidades
 Específicas:

Dirixido a persoas en risco de exclusión social, o seu principal obxectivo é a
formación básica para busca de emprego, incluindo a elaboración de
curriculum, formación para enfrontarse a entrevistas de emprego, traballo de
competencias persoais para o emprego, etc.

 Programa de prevención da dependencia, dinamización e animación
 sociocomunitaria para un envellecemento activo:

Dentro deste programa inclúense diversas actividades, dende a adquisición de
hábitos de coidado e mellora da saúde (para maiores dependentes e
coidadores/as non formais) ata as de dinamización e ampliación de
coñecementos culturais e educativos (dirixidos a toda a pobiación) favorecendo
a participación e interrelación entre as veciñas e veciños do concello.