Programas municipais ofrecidos dende os servicios sociais do concello

Programa de orientación, asesoramento, información e tramitación:

 

Este programa busca dar resposta ás necesidades socialmente recoñecidas da poboación como obxecto de traballo desde os servizos sociais a través da orientación e asesoramento personalizado para canalizar as súas demandas e asegurar o acceso aos diversos servizos en igualdade de oportunidades.

As actuacións que se realizan desde este programa son:

– Información: esta prestación supón dar a coñecer ao cidadán os seus dereitos, recursos existentes, procedementos e alternativas disponibles ante un problema social determinado.

– Tramitación: esta prestación refírese á realización de trámites administrativos e a consecuente xestión de documentos.

– Derivación: é a xestión ou procedemento administrativo para remitir a actuación a outros profesionais ou servizos, implicando sempre, polo menos, un informe técnico por parte do profesional que o remita.

Programa de axuda no fogar:

 

O Servizo de Axuda no Fogar consiste en ofrecer un conxunto de atencións ás persoas ou unidades de convivencia no propio domicilio, para facilitar o seu desenvolvemento e a permanencia no seu contorno habitual. Ten por obxecto prestar un conxunto de atencións ás persoas no seu domicilio, desde unha perspectiva integral e normalizadora, que teñan limitada a súa autonomía persoal ou en casos de desestruturación familiar.

No Concello da Bola este servizo é público e de carácter local, e está regulado segundo o establecido no Decreto 149/13 e na ordenanza municipal publicada no BOP nº 114, mércores 21/5/2014. Existen dúas modalidades deste servizo no noso municipio: prestación básica ou de libre concorrencia, e prestación derivada pola dependencia.

O SAF poderase prestar a calquera persoa ou unidade de convivencia, para as cales, de acordo coa valoración técnica correspondente, supoña un recurso idóneo de atención. De forma particular, o servizo atenderá persoas maiores con déficits de autonomía e persoas con discapacidade, especialmente cando carezan de apoio persoal no seu medio inmediato.

Para levar a cabo este programa, as/os auxiliares de Axuda no Fogar en conxunto coa Traballadora Social do concello fan un seguimento dos/as usuarios/as e as súas necesidades para ofrecer unha atención personalizada que abarque a súa problemática.

 

Programa de Educación e Apoio familiar:

Este programa realiza atención directa as familias e unidades familiares mediante sesións de valoración, seguemento e traballo individualizado e coas unidades de convivencia orientadas a respostar as súas necesidades, tanto expresadas como detectadas: orientación e inserción sociolaboral, motivación e apoio psicolóxico, aprendizaxe de habilidades parentais, recursos de lecer sociocomunitario, acompañamento en procesos de abandono de adiccións e tratamento de trastornos, habilidades domésticas, orientación socioeducativa…

O traballo conxunto con outras entidades é fundamental, polo que se traballa en coordinación e en rede tanto con outros servizos sociais de diferente índole coma asociacións, ONG, centros educativos e de saúde, etc.

Dentro deste programa está enmarcado o proxecto “Escola de Familias” que dende a súa primeira edición no 2017 busca ofrecer ás familias do concello información, formación e ferramentas para a aprendizaxe de contidos que responda ás súas necesidades e as axuden a mellorar a súa calidade de vida e benestar de xeito integral, ademáis de ser motor esencial para unha dinamización sociocomunitaria municipal que elimine posibles factores de exclusión social.

O Programa de Educación e Apoio Familiar do concello de A Bola é unha operación financiada parcialmente co Fondo Europeo Plus (FSE+) a través do «Programa Operativo FSE+ Galicia 2021-2027»

 

Programa de Emerxencias Sociais:

 

Xestionado a través da Unidade de Traballo Social do concello, trátase dun programa orientado a persoas ou familias con situacións de escaseza de medios económicos que dificultan o seu completo desenvolvemento. Considéranse situacións de emerxencia aquelas que produzan un gasto extraordinarios para cubrir necesidades específicas de carácter básico e urxente que non poden ser cubertas por outros sistemas de protección.

As axudas económicas concedidas son de único pago e están destinadas a diminuír a situación de emerxencia que leva a gastos extraordinarios. A emerxencia social pode ser concedida por diferentes conceptos: uso da vivenda habitual, habitabilidade, equipamento, necesidades primarias, segunda vivenda dentro ou fóra da localidade.

 

Programa de prevención e inserción:

 

Lévase a cabo en colaboración co Banco de Alimentos e Cruz Vermella e consiste esencialmente no reparto de alimentos para persoas necesitadas, familias ou persoas con medios económicos escasos que presenten a súa solicitude coa documentación precisa nos servizos sociais para formar parte do listado de beneficiarios.

 

Programa de Formación e Socialización de Persoas con Necesidades Específicas:

 

Dirixido a persoas en risco de exclusión social, o seu principal obxectivo é a formación básica para busca de emprego, incluindo a elaboración de curriculum, formación para enfrontarse a entrevistas de emprego, traballo de competencias persoais para o emprego, etc.

 

Programa de prevención da dependencia, dinamización e animación sociocomunitaria para un
envellecemento activo:

 

Dentro deste programa inclúense diversas actividades, dende a adquisición de hábitos de coidado e mellora da saúde (para maiores dependentes e coidadores/as non formais) ata as de dinamización e ampliación de coñecementos culturais e educativos (dirixidos a toda a pobiación) favorecendo a participación e interrelación entre as veciñas e veciños do concello.