Galería Histórica do Concello
O noso concello está marcado por ter sido un dos lugares de paso da chamada Vía Nova (unha das rutas trazadas por Roma para percorrer todos os puntos do Imperio), construida no século I d.c. coma unha das catro principais vías que atravesaban Gallaecia para unir as cidades de Braca Augusta (Braga) con Asturica Augusta (Astorga) na súa variante con dirección á mansión hospedaxe de Sandiás. No século III d.c. foi renomeada no Itinerario de Antonino como “Vía XVIII”.
Durante a invasión musulmana, o municipio quedou moi mermado en canto a poboación, pero coa chegada da construcción do Mosteiro de San Munio de Veiga durante os séculos IX e X (un dos principais puntos de interese turístico e cultural actual do concello) produciuse un asentamento importante de poboación no lugar, principalmente procedente de Asturias e de León.
Nesa época e durante toda a Idade Media (ata o século XV) grande parte do territorio estivo baixo a xurisdicción do mosteiro de San Salvador de Celanova, repartíndose o resto de zonas entre a baixa nobreza (cotos de Berredo, Fruime, Vilaverde e Sorga) e o conde de Maceda (coto de Vilariño de Campo). O Mosteiro de San Munio de Veiga era independente ao de Celanova, posto que era responsable da Encomenda de San Marcos de León (integrada na Orde de Santiago, creada no século XII).
No ano 1166 d.C. o conde D. Vasco construiu unha torre ubicada no Castro de Berredo, que acompañado polo rei portugués Alfonso Enríquez chegou coa intención de invadir Celanova dende A Bola, pero que tal e como din as crónicas da época, tras dous anos viu fracasada a súa contenda.
Os pazos de Berredo, Podentes e Sorga foron construidos con posterioridade, xa na Idade Moderna (a partires do século XV).
Trala constitución de 1.812 (S.XIX), suprímense os señoríos e faise a primeira división territorial en concellos constitucionais, creando así os concellos de Berredo e de Soutomel; a fusión posterior de ambos no ano 1.836 conformou a aparición do concello de A Bola tal e como o coñecemos na actualidade, non sufrindo variación algunha salvo a creación dunha nova parroquia no ano 1.893, a de San Martiño de Berredo, segregándoa da de Santa Baia de Berredo.